Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies cerrar

Nova Xeira este sábado polo -Camiño do Norte a Santiago. Goián. A Vila da Barca.-

Sábado 16 de setembro ás 18:00h | Punto de encontro na Igrexa de Goián

Infominho - Nova Xeira este sábado polo -Camiño do Norte a Santiago. Goián. A Vila da Barca.- - INFOMIÑO - Informacion y noticias del Baixo Miño y Alrededores.

Sábado 16 de setembro ás 18:00h | Punto de encontro na Igrexa de Goián

IEM

14/09/2017

Fuente: IEM

O vindeiro sábado 16 de setembro ás 18:00h gozaremos dunha nova xeira polo concello de Tomiño "O Camiño do Norte a Santiago. Goián. A Vila da Barca.", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso.


O punto de encontro será a Igrexa de Goián.

Enlace ao punto de encontro:

https://drive.google.com/open?id=1O3ISag-mf8KRF1h-jyzqNuasC94&usp=sharing



AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2017

CAMIÑO DE NOSA SEÑORA DO NORTE. GOIÁN

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

A XEIRA. APROXIMACIÓN

O Camiño do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira mediante tramos que enxergan un moi importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico entra en Galicia por Goián, antes a través dunha barca, hoxe servíndose da ponte de formigón sobre o Miño. A primeira opción citada desembarcaba ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o cruceiro da Barca e o Pazo-Torre dos Correa pasa a Estás (Virxe Peregrina do s. XVIII) e logo ao Mosteiro (consérvase a igrexa románica do s. XII mais o Pazo dos Troncoso de Lira) e ao ÂÂ Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295 (documentado por Hipólito de Sa). Cruzada a ponte do século XIV, segue a Vilameán tras pasar polo Freixoal, onde se conserva un interesante cruceiro do XVII. A continuación tira cara a Tebra (igrexa románica do XII, onde está soterrado Álvaro Suárez de Deza, fundador da Torre renacentista conservada no Outeiro) e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Tras cruzar Gondomar e Vigo volve enlazar co central en Redondela.

Esta xeira pretende mostrar o inicio do citado camiño en territorio galego e para iso imos percorrer e visitar parte da actual parroquia de Goián, que no final da Idade Media estaba dividida en dúas: Santiago de Tollo e San Cristovo de Goián. A primeira de reguengo, a segunda de señorío (dende o século XIV estivo vinculada á familia Correa). A partir do XVI Tollo xa aparece como anexo de Goián e no XIX fusiónanse. Coa chegada do Estado Liberal, Goián consegue constituírse en concello en 1813 e repite no Trienio Liberal. A partir de 1836 pasa a integrar o de Tomiño.

Ao longo da última xeira deste ano veremos a configuración urbana dunha vila na que é parte fundamental o concepto de horta murada, falaremos de indianos e da pintoresca arquitectura construída polos "brasileiros", analizaremos a arquitectura relixiosa actual e citaremos a desaparecida, percorreremos un moi particular cemiterio hixienista, toparémonos coas variantes etnográficas do Baixo Miño, confrontaremos as características da arquitectura militar das fortalezas do XVII coa gótica do castelo de Vila Nova de Cerveira, evocaremos a Vila da Barca e circularemos á beira do Miño polo Camiño da Nosa Señora do Norte para achegarnos ata o Pazo-Torre dos Correa. Ademais, contemplaremos unha paisaxe única sucada pola maior vea de auga de Galicia. Todo durante as tres horas que nos levará percorrer os cinco quilómetros dun treito circular de mínima dificultade.