Almacenamos o accedemos a información en un dispositivo, tales como cookies, y procesamos datos personales, tales como identificadores únicos e información estándar enviada por un dispositivo, para anuncios y contenido personalizados, medición de anuncios y del contenido e información sobre el público, así como para desarrollar y mejorar productos.
Con su permiso, podemos utilizar datos de localización geográfica precisa e identificación mediante las características de dispositivos. Puede hacer clic para otorgarnos su consentimiento a nosotros para que llevemos a cabo el procesamiento previamente descrito. De forma alternativa, puede acceder a información más detallada y cambiar sus preferencias antes de otorgar o negar su consentimiento. Tenga en cuenta que algún procesamiento de sus datos personales puede no requerir de su consentimiento, pero usted tiene el derecho de rechazar tal procesamiento. Sus preferencias se aplicarán en toda la web. Más información.

Reducir
  • Abre en nueva ventana: Infomiño.com te informa donde estés: noticias directas a tu WhatsApp.

A Xunta centra a súa acción de goberno en frear o coronavirus e paliar as consecuencias para a cidadanía

O Consello da Xunta aprobou o informe que dá conta das distintas medidas acordadas para facer fronte á emerxencia sanitaria

Habilitouse un número de atención gratuíto para consultar dúbidas, 900 400 116, e un autotest para consultar síntomas de forma individual

Fecha: 21 de Marzo de 2020

Fuente: Xunta de Galicia

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe que dá conta das distintas medidas acordadas polos departamentos da Administración autonómica para facer fronte á xestión da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus (COVID-19).
 
O obxectivo é centrar a acción de goberno en frear a epidemia e paliar, na medida do posible e no ámbito das competencias autonómicas, as consecuencias que poidan supoñer as restricións vixentes no tecido económico e social, así como na cidadanía en xeral, nomeadamente nos colectivos máis vulnerables.
 
A evolución da enfermidade motivou que o 13 de marzo o Goberno autonómico aprobase o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria en Galicia e se activase o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego). En virtude deste último acordo, o presidente da Xunta asumiu todas as actividades de emerxencia e constituíuse o Centro de Coordinación Operativa do Plan (Cecop) con representantes da Administración autonómica, Delegación do Goberno e Fegamp.
 
En paralelo, o 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
 
Ante esta situación, os distintos departamentos da Xunta foron tomando decisións para axudar á prevención da enfermidade en lugares públicos, reforzar a atención aos grupos de poboación máis vulnerables ou potenciar o teletraballo no ámbito da Administración pública para evitar contaxios entre o persoal público.
 
Prevención e coordinación sanitaria
A prevención, coordinación e comunicación son fundamentais para abordar as accións fronte ao coronavirus. Ao respecto, cómpre destacar que o conselleiro de Sanidade mantén reunións diarias cos conselleiros de saúde das outras comunidades autónomas, directivos da Consellería de Sanidade e do Ministerio de Sanidad. Ademais, hai reunións establecidas desde as distintas áreas da Consellerías con todos os axentes implicados,resto de consellerías, Fegamp e axentes sociais e económicos.
 
En canto á prevención, é preciso lembrar que Galicia adoptou unha serie de medidas preventivas especiais en materia de Saúde Pública co obxectivo de manter unhas boas prácticas de prevención e contención da enfermidade.
 
Entre as medidas, destaca a limitación a 1 persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro (sexa atención primaria ou hospitalaria) e recoméndase que a idade do acompañante non exceda dos 70 anos. En todo caso, non deben acudir aos centros sanitarios se presentan síntomas de infección respiratoria, febre ou procedan de zonas ou lugares considerados de risco.
 
Con respecto da asistencia sanitaria, acordouse a realización na medida do posible de sistemas de consulta telefónica, e-consulta e visita domiciliaria que faciliten a atencións aos doentes sen necesidade de acceso aos centros.
 
No que atinxe ás oficinas de farmacia, acordouse a entrega excepcional de medicación a domicilio por parte dos farmacéuticos, co fin de que os pacientes illados poidan ter a súa medicación sen desprazamento á farmacia. Así mesmo, a medicación hospitalaria poderá entregarse de forma directamente no domicilio do paciente evitando o desprazamento do paciente ao centro sanitario.
 
Actuacións de saúde pública
Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública elaboráronse protocolos de manexo do caso, de toma de mostras a domicilio e de limpeza extrahospitalaria e hospitalaria. Tamén hai protocolos de reordenación asistencial dos espazos nos diferentes servizos de cara ao illamento dos pacientes positivos, modificación de quendas e estrutura das xefaturas de garda, así como grupos de traballo para definir criterios de ingreso.
 
Tamén se elaboraron indicacións para a prestación de atención domiciliaria aos afectados a través do sistema de teleasistencia co fin de ter ao paciente monitorizado e controlado polo seu médico de atención primaria.
 
Recursos humanos, materiais e de compras
En todas as áreas sanitarias disponse de equipos diagnósticos para a detección precoz por PCR permanecendo operativos en todas as áreas de luns a domingo e de 8,00 a 22,00 horas. Co obxecto de evitar desprazamentos aos centros sanitarios de persoas sensibles ou con síntomas, estableceuse en todas as áreas un dispositivo de recollida de mostras operativo de luns a domingo no mesmo horario.
 
Reforzouse o persoal no ámbito das urxencias hospitalarias, servizos de medicina interna e unidades de críticos; así como a creación de equipos hospitalarios de atención domiciliaria necesarios para extracción de mostras e para o seguimento de pacientes no seu domicilio.
 
Tamén no 061 realizouse un incremento de persoal para os próximos 4 meses na Central de chamadas e realizouse un reforzo da liña 900 para desconxestionar a situación xerada pola acumulación de chamadas para un período de 4 meses.
 
En materia de compras tramitáronse dous expedientes de compra de material. Un deles por valor de 1,82 millóns de euros e outro por valor de 1,23 millóns de euros para toda a rede hospitalaria galega de unidades de ventilación non invasiva, ventiladores volumétricos, ventiladores de transporte, equipos portátiles de raios X. Tamén se inclúen biombos para os mostradores de atención ó público, adquisición de kits de diagnóstico (PCR), máscaras, luvas, batas, desinfectante, etc.
 
Medidas adoptadas de información no ámbito sanitario
Entre as actuacións no eido da información e comunicación no ámbitos sanitario, destaca a posta en marcha dun número gratuíto de información do coronavirus, 900 400 116, destinado a toda a cidadanía que teña dúbidas e para consultar sintomatoloxía leve. Para os profesionais sanitarios está habilitado un teléfono específico.
 
Está habilitado tamén un autotest para que a poboación poida consultar síntomas de forma individual a través da web e solventar dúbidas en relación co coronavirus. Trátase dun método áxil para obter información actualizada e avalada por profesionais sanitarios. Tamén funciona un portal de información específico con toda a información dispoñible, a posibilidade de elaborar o autotest, preguntas frecuentes, contactos, protocolos e todo tipo de material audiovisual.
 
Ademais, entre as medidas de difusión e de información están a elaborarse infografías, carteis, vídeos informativos e de recomendacións con distribución a través das redes sociais e remisión a todos os departamentos da Xunta de Galicia e outras entidades para a súa difusión. Tamén se traballa para a publicación de recomendacións de interese xeral nos medios de comunicación e na páxina web.
 
Medidas adoptadas de contención nos servizos sociais
Así mesmo, os esforzos nos últimos días puxeron o foco en evitar os contaxios nos centros de servizos sociais. Desta maneira, en residencias de maiores ou persoas con discapacidade restrinxíronse as visitas e suspendéronse os novos ingresos, agás nos casos derivados polas autoridades sanitarias. Noutros, como nos centros sociocomunitarios, nos centros de día para maiores e para persoas con discapacidade e nas escolas infantís e outros espazos de atención primaria suspendeuse toda actividade.
 
Pola súa banda, cancelouse o servizo presencial dos puntos de encontro familiar, nos centros de asesoramento á xuventude e nas unidades de atención temperá para a infancia con discapacidade. Nesta liña, suspendéronse os permisos e as saídas para os menores que residen en centros de protección ou de reforma.
 
Ademais destas medidas de continxencia, blindáronse os servizos esenciais para a atención de persoas sen fogar, tales como albergues, cociñas económicas e comedores sociais e centros de atención social continuada, con recomendacións e medidas para garantir que os seus servizos se presten en condicións de seguridade. Tamén se avogou pola continuidade do Servizo de Axuda no Fogar, que garante unha atención básica (como hixiene, alimentación ou seguimento das pautas de medicación) para as persoas maiores.
 
Ámbito económico e laboral
No ámbito económico e laboral, e co obxectivo de que as medidas que se poñan en marcha dean resposta ás principais preocupacións e necesidades actuais, apostouse polo diálogo coa constitución dun grupo de traballo no que participan o tecido empresarial e os axentes sociais.
 
Así actúase, en primeiro lugar, desde a prevención, xa que a prioridade é a saúde das persoas traballadoras. Elaborouse, por exemplo, unha guía de medidas preventivas -e tamén unha guía específica para supermercados e tendas de alimentación- e unha circular para empresas distribuidoras de enerxía, co obxectivo de garantir a subministración e a saúde dos traballadores.

En segundo lugar, establecéronse medidas en materia empresarial e laboral, permitindo a liberdade horaria dos establecementos de primeira necesidade e promovendo iniciativas pensadas para beneficiar a traballadores, autónomos e pemes.
 
Reforzo da educación en liña
No eido educativo, véñense de reforzar as ferramentas en liña no ensino para asegurar a atención ao alumnado durante o período de suspensión da actividade educativa presencial. Trátase das páxinas web e aulas virtuais dos centros, así como da aplicación EspazoAbalar-AbalarMóbil como canle de comunicación coas familias. Ademais os 27.000 alumnos incorporados ao programa Edixgal seguen empregando os libros dixitais do mesmo xeito que nas clases presenciais. No que atinxe ao profesorado, elaborouse un documento con directrices para o exercicio do teletraballo.
 
No eido da Formación Profesional cómpre lembrar que están suspendidas as prácticas nos centros de traballo. No caso concreto da FP Dual, desde a Consellería déuselles a posibilidade ás empresas e ao alumnado de reprogramar as actividades. No que atinxe á investigación universitaria, xa en febreiro se lles comunicou aos investigadores que realizan o seu labor no estranxeiro co apoio da Xunta e que se visen afectados polo peche de universidades ou centros de investigación que podían regresar a Galicia sen penalización.
 
Emerxencias e interior
No ámbito de interior e emerxencias trasladouse aos seus concellos de procedencia ao alumnado da 12ª promoción de policía local -máis de 150 persoas, a promoción máis grande da historia da academia- para iniciar xa o seu período de prácticas.
 
Redución do transporte público
O Goberno galego distribuíu un protocolo de recomendacións para a prevención do contaxio transporte público e aprobou e publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde que establece a redución de, polo menos, o 50% da oferta de servizos de autobús interurbano. Ademais, de acordo co establecido polo Ministerio de Transportes limítase a un terzo da súa capacidade a ocupación dos vehículos e se establece a obriga de que nos vehículos a pé cada viaxeiro dispoña dun espazo de, polo menos, un metro cadrado.Así, contribúese ao cumprimento das medidas de prevención que limitan a mobilidade e, ao mesmo tempo, garántense as necesidades de desprazamento dentro dos supostos permitidos.
 
Auga e conservación de estradas
Adoptáronse medidas, tamén, para blindar o abastecemento de auga á poboación e o saneamento de augas residuais, na medida en que se trata de servizos esenciais á poboación; do mesmo modo que se deron as instrucións necesarias para asegurar o mantemento das boas condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica a través dos servizos de conservación, así como para previr contaxios nas autoestradas de peaxe.
 
En relación coas obras públicas, e tendo en conta que non é unha actividade suspendida polo Real Decreto que establece o estado de alarma, a Xunta acordou coa Federación Galega da Construción, así como cos colexios profesionais de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, mantelas en marcha sempre que sexa posible facelo nas actuais circunstancias e cumprindo os protocolos de prevención e seguridade.
 
Medio Rural e Mar
Ademais, a Xunta mantén unha comunicación continua cos sindicatos, coas organizacións e coas asociacións do medio rural, a efectos de coordinar e colaborar na adecuada resposta ás distintas cuestións suscitadas entre os agricultores, gandeiros e silvicultores. Do mesmo xeito, mantéñense contactos cos responsables das principais cadeas de distribución en Galicia, co fin de garantir o abastecemento de produtos agrícolas e gandeiros na nosa comunidade. Neste aspecto da comunicación co sector agrario e coa cidadanía en xeral, tamén se reforzou a atención telefónica e en liña cos cidadáns, ofrecendo alternativas de comunicación vía telefónica, a través dun formulario de contacto online coa consellería e tamén coa publicación dun documento de preguntas e respostas para resolver as dúbidas máis recorrentes.
 
No eido do mar, e tendo en conta que a extracción, produción, transformación e comercialización de produtos pesqueiros non están incluídas entre as actividades prohibidas pola declaración do estado de alarma ao tratarse de labores destinados ao subministro de alimentos, a Xunta remitiu aos representantes do sector distintas recomendacións para que poidan desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade e evitar así os contaxios e a propagación da enfermidade.
 
Co obxectivo de facilitar o traballo do sector, o Executivo galego tamén adoptou outras medidas como a prórroga automática do despacho dos buques ata que remate o estado de alarma, a extensión da vixencia das autorización para a extracción marisqueira ata o 30 de abril ou a decisión de que aqueles profesionais do marisqueo máis vulnerables á enfermidade, ou que que teñan menores ou maiores ao seu cargo, poidan quedar na casa sen que esa inactividade os penalice á hora de renovar o seu permiso de explotación.
 
Medio Ambiente
Entre as principais medidas adoptadas no ámbito do medio ambiente, cómpre subliñar que desde o 16 de marzo quedaron restrinxidas as actividades de uso público no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tales como o desembarque e as actividades recreativas. Poderán acceder os veciños das illas, o persoal do Parque Nacional no desempeño das súas funcións, ou a pesca e o marisqueo profesional.
 
En materia de pesca e caza, suspendeuse a venda de permisos de pesca fluvial e habilitarase un procedemento de devolución das taxas correspondentes aos permisos xa emitidos para pescar nalgunha das datas de vixencia do actual estado de alarma; e estableceuse a prohibición temporal de todas as accións de caza colectiva no territorio da Comunidade, agás autorizacións excepcionais por razóns de prevención dos accidentes de tráfico, danos á agricultura ou á gandaría e riscos en sanidade animal ocasionados por especies cinexéticas, especialmente polo xabaril.
 
En canto ao protocolo para a xestión de residuos, desde o complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, que presta servizo a 295 concellos galegos, garántese a recepción e tratamento dos residuos urbanos.
 
Suspensión dos trámites administrativos
Durante esta crise sanitaria, quedan suspendidos os prazos administrativos de tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Os prazos reiniciaranse no momento en que perda vixencia o acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) polo que se decretou a emerxencia sanitaria. En calquera caso, cómpre recordar que a sede electrónica segue operativa e que a cidadanía poderá consultar o estado do seu expediente na súa carpeta cidadá.
 
No caso dos procedementos dos que xa rematou o prazo de presentación de solicitudes continuarase coa súa tramitación e poderán resolverse segundo o previsto, e tamén seguirán o seu trámite os presentados e con prazo de presentación aberto.
 
Cómpre destacar que, ademais de suspenderse os prazos para anotarse en oposicións, tamén se suspenderon os exames dos procesos selectivos por un prazo mínimo de dous meses, unha decisión que se toma por razóns sanitarias e para ofrecer seguridade ás persoas que están participando neses procesos e que xa saben que non terán probas nos vindeiros meses.
 
Protocolo para o persoal público, teletraballo e atención á cidadanía
Aprobouse un Protocolo de actuación para o persoal empregado público, que recolle medidas de protección e recomendacións específicas para facer fronte a posibles continxencias. O documento tamén permite que persoal especialmente sensible poida ausentarse do seu posto de traballo se hai unha recomendación sanitaria que así o indique; e medidas para xeneralizar a posta en marcha do teletraballo. Ademais, tamén se estableceron medidas preventivas para aquel persoal que leva a cabo tarefas esenciais, e que non poden ausentarse ou teletraballar. A nivel de infraestruturas, instaláronse dispensadores de xel en complexos administrativos e unidades xudiciais e reforzáronse as medidas de limpeza. En xustiza, seguíronse as recomendacións do Ministerio de Xustiza para fixar o persoal mínimo que debe atender tales servizos.
 
Ante a aposta polo teletraballo na Administración autonómica, a Xunta puxo en marcha un Plan de continxencia TIC para asegurar a dispoñibilidade dos medios dixitais, a atención aos usuarios e o mantemento, soporte e seguridade das infraestruturas tecnolóxicas da Administración autonómica.
 
Para facilitar o teletraballo activáronse, desde o pasado venres 13 de marzo, máis de7.600 conexións remotas ao posto de traballo, que se suman ás 900 existentes. As novas altas realízanse en función das prioridades indicadas por cada consellería e en paralelo estanse a activar de oficio as restantes. O obxectivo é facilitar esta ferramenta a todos os empregados públicos da Administración xeral autonómica que dispoñen de PC no seu posto de traballo, para que poidan conectarse de xeito remoto e atender ás directrices da organización do traballo indicadas por cada departamento.
 
Ademais, no ámbito xudicial todos os xuíces, fiscais e forenses dispoñen de equipos portátiles corporativos e estanse a activar novas conexións en remoto de xeito progresivo para todos os xuíces, fiscais, forenses e letrados, que non dispoñan delas e estanse a instalar, tamén, solucións de videoconferencia persoal aqueles que non as tiñan.
 
Ante o aumento de chamadas ao teléfono de atención e información á cidadanía (012), apostouse por reforzar este servizo incrementando os seus recursos humanos en máis dun 30%. Tamén se reforzou o dispositivo de persoal que se ocupa dos chamamentos para realizar substitucións na Función Pública, con fin de garantir o normal funcionamento dos servizos públicos e, nomeadamente, os servizos sociais.
 
Ordenación ante as restricións no aloxamento turístico
No caso concreto do Camiño de Santiago, a Xunta anticipou o peche dos albergues públicos e a habilitación das instalacións do Monte do Gozo como lugar de aloxamento provisional de peregrinos en tránsito que non dispoñan doutros medios de regreso ou estadía. En colaboración cos hospitaleiros dos establecementos da Xunta, concellos, asociacións de amigos e Igrexa, acadouse a normalización da Ruta Xacobea sen incidencias relevantes.
 
Agora, tras decretar o Goberno central o peche ordenado dos aloxamentos privados, anticipámonos e contactamos xa con todos os establecementos para garantir o seu correcto desenvolvemento, determinar o seu nivel de ocupación e analizar circunstancias extraordinarias que impliquen a imposibilidade do regreso dos hóspedes.

En canto aos equipamentos culturais, malia que dotacións como museos, arquivos, bibliotecas ou oficinas de turismo se atopan pechadas, seguen a ofrecer contidos e recursos a través das súas plataformas dixitais e redes para achegar a cultura á cidadanía, facilitar visitas online e abrir os fondos dispoñibles en ámbitos como o audiovisual, a música, o préstamo de obras en formato electrónico das nosa bibliotecas públicas a través de GaliciaLe ou de recursos didácticos en galego.
Nuevo comentario

Debe estar validado para poder dejar un comentario, puede validarse o registrarse aquí

  • Abre en nueva ventana: Paseo en barco por la ría + Degustación de mejillones