O Concello de Tui, en colaboración coa empresa IDADES, ofrecerá en novembro un curso gratuíto de "Atención Sociosanitaria no Domicilio", dirixido a persoas interesadas en traballar no sector de axuda a domicilio. Esta formación desenvolverase do 18 ao 29 de novembro, en horario de 16.30 a 20.30 h, no Centro Municipal de Formación en Guillarei, sumando un total de 60 horas lectivas.
Durante o curso, as persoas participantes recibirán formación completa para adquirir habilidades fundamentais en atención sociosanitaria. O programa inclúe temario sobre o servizo de axuda a domicilio, funcións e actividades do persoal auxiliar, o proceso de envellecemento e os coidados que require, técnicas de hixiene e aseo, alimentación, administración de medicación, e tamén mobilización, traslado e deambulación de persoas dependentes. Ademais, abordarase o uso de axudas técnicas e primeiros auxilios. Para completar a formación, o curso inclúe prácticas en empresas, proporcionando así unha experiencia directa no sector.
Para ampliar información e formalizar a inscrición, as persoas interesadas deben enviar o seu nome e apelidos, teléfono de contacto, enderezo e nivel de formación ao correo orientacion@tui.gal ou chamando ao teléfono 986 60 39 49, ou tamén poden dirixirse ao Centro Municipal de Formación en Guillarei.
O Concello de Tui continúa así coa súa aposta pola formación no ámbito sociosanitario, contribuíndo á capacitación de profesionais cualificados para un sector en continua demanda. Con esta iniciativa, refórzase tamén o compromiso municipal cos servizos sociais, un eido no que Tui ten investido de xeito notable, ampliando as prestacións dirixidas á comunidade.

