O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou esta mañá coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, os principais proxectos no concello, entre os que destacan a iniciativa da Xunta da posta en marcha dun polígono agroforestal.
Este proxecto, enmarcado ao amparo da Lei de recuperación da terra e que se situaría na zona da parcelaria dos Panascos, dedicaríase á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo, dous dos sectores produtivos máis destacados do municipio.
Ademais, e en relación á solicitude por parte do concello de conformar un polígono agroindustrial, o presidente da Xunta comprometeuse a dar traslado desta petición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que a analice.
No eido das infraestruturas educativas, o Goberno galego investirá máis de medio millón de euros -513.000 euros- na mellora de tres colexios públicos do concello de Tomiño, o Pedro Caselles, o Pintor Antonio Fernández e o Sobrada. O compromiso é telas rematalas, previsiblemente, a comezos de 2022, ao tratarse de obras moi importantes no que se refire á mellora do confort dos inmobles e a súa eficacia enerxética.
As melloras nos CEIP Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández, en Goián, consistirán na renovación integral das carpinterías exteriores coa dotación de novas envolventes, o cambio de ventás e portas e o relevo dos sistemas de persiana; mentres que no CEIP Sobrada renovarase a iluminación coa colocación de falsos teitos, novas luminarias, mandos de alumeados, sistemas de emerxencia e outras obras similares. Ademais, e neste mesmo eido, no proxecto de Orzamentos de 2022 teñen reservada unha partida inicial de 50.000 euros para a ampliación do IES Antón Alonso Ríos.
Xa no ámbito da mobilidade, avaliaron o estado da VAC do Baixo Miño na que existe acordo no trazado e no que o tramo que transcorre por este concello está en proxecto construtivo nestes momentos.
Durante o encontro, ambos mandatarios tamén abordaron a situación sanitaria. Sobre ese punto e ante a preocupación da alcaldesa pola espera na primaria, o presidente da Xunta trasladoulle que a administración galega está a traballar para paliar a falta de profesionais na atención primaria, que é extensible a todo o Estado e que, tal e como insistiu, require da implicación do Goberno central.
Por outra banda, no que respecta ao Plan de reactivación dirixido aos sectores afectados pola pandemia, a Xunta achegou case 225.000 euros a comercios e empresas de Tomiño, o que supuxo unha mobilización de arredor de 554.000 euros. E no que se refire aos tres plans de rescate, foron 231 as empresas e autónomos beneficiadas por valor de máis de medio millón de euros.
Finalmente, en referencia ao Parque da Amizade Cerveira-Tomiño, o presidente da Xunta expresou o apoio da Xunta á súa inclusión nos Fondos Next Generation.


