O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, reuniuse onte pola noite na Guarda con afiliados e compromisarios do partido nesta comarca, dentro da campaña electoral interna que está realizando por toda a provincia de cara ao congreso do 18 de setembro. Neste encontro, Rueda apostou pola experiencia, o traballo e a ilusión para seguir liderando o partido provincial e avanzar nos que seguirán a ser os piares de traballo fundamentais: a renovación e a unidade.
"Fronte ás discusións continuas dos socialistas, ou ás dúbidas dos nacionalistas, o PP sigue facendo o que se espera de nós. A nivel interno ser un partido cohesionado para destinar todo o noso tempo e esforzo para o que é importante para a provincia e os seus concellos", sinalou.
A reunión celebrouse na casa dun dos compromisarios que representará aos afiliados do PP da Guarda no congreso, nun acto “moi próximo, adaptado aos novos tempos de pandemia e de facer política, e na que queremos dar voz aos afiliados do partido”, explicou Rueda. “O obxectivo é que os asistentes poidan falar, escoitarnos e así dar protagonismo a esa maioría silenciosa, da que pouco se fala pero que é a base sólida deste partido”.
Rueda destacou que “se escoitamos o que nos din en cada concello, acertaremos. Este é o momento de ser máis sensibles que nunca cos problemas e necesidades da cidadanía, e por iso é máis relevante aínda o municipalismo e a política local, a política máis próxima”.
A campaña interna de Rueda seguirá durante os próximos días por diferentes puntos da provincia e mantendo o mesmo formato na súa maioría, reunións nos fogares de afiliados para reunirse cos participantes e compromisarios que van participar no Congreso.


