O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que o Goberno está comprometido coa modernización e trasformación do turismo en Galicia cara a sostibilidade cun investimento que este ano se achega aos 100 millóns de euros, “no que teñen un protagonismo especial o Xacobeo e os Camiños de Santiago”.
José Miñones mantivo esta mañá en Santiago unha reunión con alcaldes e alcaldesas dos concellos beneficiados por estes investimentos, coa Deputación de Pontevedra e coa Xunta de Galicia para avaliar os últimos acordos aprobados esta semana en Consello de Ministros e que por si sós superan os 42 millóns de euros.
Estos acordos engádense ao aprobado tamén en Consello de Ministros dúas semanas antes, que supuxo a transferencia á Xunta de Galicia de case 30 millóns de euros nunha partida extraordinaria para a modernización do sector turístico. Ambos investimentos suman 71,6 millóns de euros e forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno. Xunto cos 25 millóns de euros do Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, presentado pola ministra de Industria o pasado mes de xullo, e os 2,3 millóns aprobados para o desenvolvemento dos destinos turísticos A Mariña de Lugo e Ourense Termal, o importe global achégase aos 100 millóns de euros ao longo deste ano por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
“A aposta é por un turismo sostible, máis dixital, máis competitivo e máis eficiente. Ata 2023 abordaremos actuacións que van fortalecer a Galicia como un destino turístico moderno e atractivo”, explicou o delegado. Ademáis, “esta gran transformación coincide coa celebración do Xacobeo, polo que desde o Goberno decidimos priorizar este acontecemento nalgunhas das convocatorias financiadas cos fondos europeos”, engadiu-
Plans de sostibilidade turística vinculados ao Camiño
O delegado do Goberno trasladou na reunión de hoxe o detalle dos dous decretos aprobados este pasado martes en Consello de Ministros e que foron publicados no BOE deste pasado mércores.
O primeiro decreto adícase á promoción de plans de sostibilidade turística en destino vinculados aos Camiños de Santiago. Suporá en Galicia o investimento de 16,6M € en 7 actuacións:
- Tres actuacións promovidas pola Xunta de Galicia que percibirán 8,4 millóns de euros de achega estatal. Os obxectivos serán impulsar roteiros cicloturistas, potenciar o camiño do Mar de Arousa e poñer en valor o Camiño como unha experiencia segura e apta para o disfrute en familia.
- Proxecto promovido polo Concello de Vilagarcía de Arousa. Neste caso recibirá do Goberno unha achega de case 2,5 millóns de euros coa que desenvolverá un producto turístico propio e sostible.
- Proxecto promovido pola Mancomunidade do Salnés, que recibirá 2,11 millóns de euros para poñer en valor a ruta do Mar de Arousa e o río Ulla.
- O Concello de Oia recibirá 1,5 millóns de euros para construir un camping en Mougá e promover a Oia como destino turístico slow e familiar.
- A Deputación de Pontevedra contará con algo máis de 2 millóns de euros para desenvolver un Plan de Turismo Sostible específico para as comarcas do Deza-Tabeirós-Terra de Montes. Este caso inclúe ademáis un programa de apoio ao empredemento turístico sostible.
Recuperación do Patrimonio Histórico para uso turístico
O segundo acordo céntrase na recuperación do patrimonio histórico para uso turístico, no que o Goberno tamén priorizou os investimentos relacionados co Camiño de Santiago. Grazas a esta liña, destinaranse 22,7 millóns de euros a financiar 12 proxectos proxectos sobre Bens de Interese Cultural que benefician directamente a 17 concellos de Galicia, polos que pasan distintos roteiros a Santiago. Tamén se inclúe unha partida adicional para a restauración do Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. Neste caso serán 3 millóns de euros para a rehabilitación integral do inmoble dentro dunha liña específica adicada ás Cidades Patrimonio da Humanidade.
Todos os proxectos estarán baseados na sostibilidade, a dixitalización, a eficiencia enerxética e a mellora da accesibilidade.
O relatorio de actuacións aprobadas é o seguinte:
- Adecuación dos faros de Sálvora e Rúa en Vilagarcía de Arousa.
- Rehabilitación do cárcere vello en Tui para crear un centro de visitantes e albergue de peregrinos.
- Recuperación e valorización turística da vila de Monterrei.
- Musealización do conxunto histórico-artístico de Mondoñedo.
- Rehabilitación da Casa Natal de Valle Inclán en Vilanova de Arousa
- Recuperación e posta en valor do Parque do Pasatempo, en Betanzos.
- Mellora do Castelo de Santa Cruz en A Guarda
- Restauración ambiental do conxunto da Ribeira do Lérez, en Pontevedra. Incluíndo a Illa das Esculturas.
- Mellora das instalacións da Torre de Hércules, na Coruña.
- Rehabilitación do recinto das Torres de Catoira, incluíndo a capela do apóstolo e os peiraos.
- Proxecto da Ribeira Sacra con actuacións nos concellos de Quiroga, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao, Belesar e Chantada.
- Acondicionamiento da Illa de Ons, no Concello de Bueu.


