Almacenamos o accedemos a información en un dispositivo, tales como cookies, y procesamos datos personales, tales como identificadores únicos e información estándar enviada por un dispositivo, para anuncios y contenido personalizados, medición de anuncios y del contenido e información sobre el público, así como para desarrollar y mejorar productos.
Con su permiso, podemos utilizar datos de localización geográfica precisa e identificación mediante las características de dispositivos. Puede hacer clic para otorgarnos su consentimiento a nosotros para que llevemos a cabo el procesamiento previamente descrito. De forma alternativa, puede acceder a información más detallada y cambiar sus preferencias antes de otorgar o negar su consentimiento. Tenga en cuenta que algún procesamiento de sus datos personales puede no requerir de su consentimiento, pero usted tiene el derecho de rechazar tal procesamiento. Sus preferencias se aplicarán en toda la web. Más información.

Reducir
  • Abre en nueva ventana: Infomiño.com te informa donde estés: noticias directas a tu WhatsApp.

Proxecto da deputación para a mellora integral da rúa Concepción Arenal en A Guarda

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que se creará unha grande praza na fronte do convento e igrexa de San Bieito e se reformulará a praza de Avelino Vicente

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que se creará unha grande praza na fronte do convento e igrexa de San Bieito e se reformulará a praza de Avelino Vicente

Fecha: 02 de Diciembre de 2017

Fuente: Deputación de Pontevedra

O proxecto de mellora integral elaborado pola Deputación de Pontevedra para a rúa Concepción Arenal en A Guarda dará prioridade ás persoas. Segundo indica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación pretende recuperar o espazo público para veciñas e veciños e fomentar un modelo de convivencia co tránsito rodado, sempre coa filosofía de que a circulación peonil debe ser a principal. En calquera caso, o deseño e características da vía permitirán que, só de xeito provisional, poidan circular por ela "as necesidades de tráfico hoxe demandadas" con velocidades máximas de 30 quilómetros por hora.

Segundo dixo o nacionalista, a intención deste deseño para Concepción Arenal é seguir as indicacións do Plan de Mobilidade redactado pola Deputación e presentado en febreiro deste ano, e facilitar e promover os tránsitos peonís cara ao Porto, que a día de hoxe se ven constrinxidos polo fluxo de tráfico rodado e a existencia de beirarrúas mínimas, en mal estado, e con nula accesibilidade.

Benítez lembrou que a Deputación ten xa deseñado un estudo de trazados alternativos de acceso ao Porto para o tráfico pesado, o que permitirá liberar de vehículos a actual estrada provincial, que deberá cambiar a súa tipoloxía cara a unha vía máis urbana e amable para os veciños e veciñas de A Guarda. "Concepción Arenal concibiuse como unha estrada de acceso ao Porto, e agora é a rúa que estrutura o espazo público de A Guarda, cunha grande actividade comercial. Cómpre transformala nun exemplo de espazo público para as persoas que fomente a mobilidade peonil e ciclista", asegurou o deputado.

Así mesmo, o nacionalista destacou que "urxe que a Xunta de Galicia faga un novo acceso para o tránsito de vehículos pesados ao Porto", lembrando que é unha competencia do goberno galego mellorar tamén os accesos á área portuaria de A Guarda igual que se fixo noutros municipios. "Non é normal que en 30 anos non se mellorase o acceso ao porto nesta vila", dixo, para engadir que a Deputación remitiu hoxe ao Concello a documentación sobre os trazados alternativos posibles, que será presentada publicamente nas vindeiras semanas.


Espazo de calidade nunha reforma integral
A proposta provincial consiste na reforma integral dun treito de 590 metros da estrada EP-3401 de acceso ao Porto, dende a intersección coa PO-552 ata a contorna de igrexa e hotel convento de San Bieito. O proxecto resólvese nunha plataforma única co mesmo nivel para beirarrúas e tráfico rodado, xogando con diferentes materiais e texturas para os pavimentos.

Na actuación inclúese a creación dunha grande praza na fronte do convento de San Bieito, onde se propoñen dúas zonas de lecer, a adecuación dos xogos infantís existentes e a mellora da zona de acceso á igrexa, así como un novo tratamento para a praza de Avelino Vicente. En ambos casos o criterio será a eliminación dos aparcamentos existentes e a recuperación da maior cantidade de superficie como espazo público para a cidadanía.

A maiores, o proxecto inclúe melloras en diferentes servizos urbanos (abastecemento de auga, saneamento, instalación da rede de gas, novo alumeado, xardinería, mobiliario urbano e sinalización para toda a zona de actuación). O importe total ascende a 1.598.755,98 euros que se financiarán ao 70% por parte da Deputación de Pontevedra e ao 30% por parte do Concello, segundo se establece no convenio que ambas institucións asinarán en vindeiras datas e que foi aprobado hoxe en Xunta de Goberno. O prazo de execución das obras será de oito meses logo de que se adxudiquen os traballos e se asine a acta de replantexamento. Unha vez rematada a actuación, a estrada será transferida ao Concello.

Dous treitos diferenciados
O proxecto para Concepción Arenal divídese en dous treitos diferenciados. O primeiro vai dende o cruzamento coa rúa Enrique María Sesto ata o hotel convento de San Bieito e pretende consolidar a vía para un uso mixto onde convivan o tráfico e a circulación peonil, transformando o espazo do convento, potenciando as súas características monumentais e aproveitando o espazo público existente.

Na intersección coa rúa Praza de San Bieito proponse unha área de descanso e reunión a ámbolos dous lados da mesma, cun espazo verde con árbores e bancos e, do outro lado, unha pérgola con trepaneras vexetais acompañada tamén de bancos. A rúa resólvese nun mesmo nivel e xógase cos materiais e texturas, de forma que a parte estritamente peonil levará lousa e a parte rodada unha base de formigón negro grafito con bandas transversais.

Ao chegar á igrexa producirase un cambio na conformación do solado, cunha maior presenza de pedra arredor das construcións relixiosas, que pasarán a ser o elemento que domina o ámbito. Incorpóranse ao espazo público a zona de acceso aos edificios mencionados, a entrada á casa do pescador, e a zona de xogos. Crearanse elementos singulares de formigón que funcionarán como mobiliario urbano en forma de ‘engurras' sobre o chan. Estes axudarán a diferenciar as zonas de circulación e conterán a zona de xogos, marcando dúas áreas claras.

A segunda zona do proxecto de Concepción Arenal vai dende o cruzamento coa PO-552 ata a rúa Enrique María Sesto, e inclúe o tratamento da Praza Avelino Vicente. Os criterios a seguir serán os mesmos que na anterior zona: un único nivel con diferentes materiais para os pavimentos e elementos de formigón a modo de mobiliario urbano.

A praza consolidarase arredor do monumento existente con dúas áreas de descanso diferenciadas: unha delas en forma lonxitudinal sobre unha das dúas fachadas acompañada de árbores e zonas de lecer, e a outra área disposta arredor dun dos elementos de formigón, con bancos e zonas verdes.

Cambiar dinámicas
Pola súa banda, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, manifestou que Concepción Arenal pasará a ser unha rúa moito máis accesible e, sobre todo, "incorporará dous espazos que mellorarán moito a zona de Avelino Vicente e do convento de San Bieito. Esas dúas zonas permitirán o disfrute do espazo público por parte da veciñanza e cremos que permitirán un cambio de dinámica porque agora son un aparcadoiro de coches: a partir da reforma integral serán máis cómodos e terán máis calidade para o seu uso".

Finalmente, o deputado Uxío Benítez quixo lembrar que a actuación do actual goberno provincial para Concepción Arenal supón unha obra integral cunha filosofía clara de apostar polas persoas. Neste sentido, lembrou que a única actuación que a Deputación fixera nesta estrada remóntase aos anos 2005 e 2006 cando se actuou apenas nun treito da rúa para construír beirarrúas de 1,5 metros de largo cun orzamento que apenas superaba os 400.000 euros . "Nunca houbo unha obra cunha concepción integral e un plantexamento serio. O único que fixo o PP en A Guarda foron anacos de beirarrúas", sentenzou en relación ás últimas críticas.

 

Otros contenidos relacionados

Contenidos relacionados

Nuevo comentario

Debe estar validado para poder dejar un comentario, puede validarse o registrarse aquí

  • Abre en nueva ventana: Paseo en barco por la ría + Degustación de mejillones