O Mosteiro de Oia foi campo de concentración durante a guerra civil española. Nas súas paredes, os presos deixaron palabras e debuxos nos que reflectiron desacougos, medos e desexos. Desde estas voces, desde estas mensaxes fragmentarias, é desde onde se constrúe a dramaturxia de ECO, que quere ser, con todo o respecto, unha homenaxe e un poema, un momento para escoitar, para relacionarnos entre nós e cos que xa non están.
Trátase dunha oportunidade única para gozar dunha exclusiva peza dirixida por AveLina Pérez, en coprodución co Centro Dramático Galego, onde a composición musical corre a cargo de Ramón Raíndo, iluminación escénica por Beatriz de Vega, fotografía de Martín Pol e montaxe de vídeo a cargo de Jesús Tejada, e todo iso nun escenario sen igual como é o Mosteiro de Oia.
O sábado 11 de setembro haberá 3 únicas funcións pola tarde, ás 16:30 h ás 18:00 h e ás 19:30 h. Xa está habilitada a venda de entradas por un prezo de 6€ a través do email info@mosteirodeoia.com. A capacidade por función está limitada a 30 persoas, facendo destas obras un espectáculo íntimo e cumprindo con todas as medidas de seguridade.
Ademais, a entrada inclúe o acceso á exposición permanente «Os presos do Mosteiro, Memorias da Guerra Civil Española». Un dos traballos máis importantes en Galicia para a recuperación da memoria histórica. Onde foron recuperados máis de 100 fragmentos, que actualmente están expostos nunha das salas monumentais do edificio.


