A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, desprazouse este sábado ata o Aeroporto de Vigo para coñecer o estado das actuacións iniciadas para a reparación da pista. A aparición dunha fochanca obrigou a cancelar desde o venres todas as operacións de chegada e saída na terminal.
A fochanca, de aproximadamente 7 metros de lonxitude e 2 metros de amplitude, está situado a 200 metros do umbral da cabeceira 19 da pista. Segundo explicou a subdelegada, o buraco foi detectado este xoves nunha revisión rutinaria levada a cabo por operativos do Aeroporto. Neste primeiro momento, a fochanca era de pequenas dimensións e non comprometía a seguridade das operacións. Non obstante, procedeuse a monitorizar o seu estado mediante revisións tras cada operación de chegada e saída.
O venres pola mañá e tras a revisión realizada logo dunha operación de aterraxe, detectouse un aumento considerable das dimensións do buraco, procedéndose de xeito inmediato ao peche da pista. “Co obxectivo de garantir a seguridade de todos os vós procedeuse a cancelación automática de todas as operacións, así como a iniciar as diferentes actuacións para a reparación da pista no menor tempo posible”, subliñou Larriba.
Neste sentido, a subdelegada destacou que “os operativos de AENA están a traballar para arranxar o estado da pista e coñecer as causas da aparición da focha desde o primeiro minuto”. Así mesmo, Larriba anunciou que “a empresa Francisco Gómez y Cía, que executará as reparacións na pista, xa puxo en marcha as dúas plantas de conglomerado asfáltico quente de Santiago para empezar coa reparación canto antes”. Agárdase que o aeroporto poida retomar a actividade durante o próximo luns.
“O peche da pista comprometeu dous vós durante o día de onte, e ao longo do venres veronse afectadas nove operacións de chegada e nove operacións de saída con destino ou procedencia de Madrid, Barcelona e Tenerife Norte”, informou a subdelegada, que indicou tamén que as compañías están a reprogramar os seus vós desde A Coruña e Santiago de Compostela. “O obxectivo —incidiu— é poder retomar a normalidade no menor período de tempo posible, tendo especialmente en conta as datas nas que estamos, así como garantir a seguridade de todas as operacións realizadas”.
A subdelegada do Goberno estivo acompañada na súa visita á terminal pola directora en funcións e xefa da sección de Operacións do Aeroporto de Vigo, Sara Riveiro, e pola xefa da sección de Enxeñaría e Mantemento, Susana Cienfuegos.


