Este domingo, 19 de setembro, ás 19.30 horas terá lugar na Igrexa tudense de San Domingos un concerto titulado “Secretos de Sefarad” a cargo do artista musical Paco Díez. Este evento musical pecha o programa de actividades realizadas polo Concello de Tui, conxuntamente co municipio de Valença, ao longo deste mes de setembro arredor da celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía.
Paco Díez é un artista de acreditada traxectoria na investigación da música tradicional e popular española, especialmente das tradicións sefardís. É un concerto en solitario de música sefardí con voz, zanfona, guitarra, mandola e derbouka. Unha excepcional oportunidade de achegarse a unha das mais emblemáticas expresións culturais dos xudeus de Sefarad. A entrada ao concerto é libre até completar o aforo.
Nado en Piñel de Abajo - Valladolid, de familia de labradores casteláns, Paco Díez é cantante e músico autodidacta, comeza a súa andaina en 1978. Orienta a maior parte da súa traxectoria á divulgación da Cultura Musical Ibérica, acompañado de guitarra, zanfona, salterio, rabel, etc, e conta cunha sólida bagaxe etnográfica apoiado por un rigoroso traballo de recompilación do saber tradicional por diversas zonas da Península. Realizou concertos por todo o mundo, tanto en solitario como coa Bazanca, Tradibérica, Tres Culturas Tres, Esencias de Sefarad, etc, converténdose en recoñecido embaixador da lingua e cultura de España. Apaixonado dos instrumentos tradicionais, conta coa única Aula-Museo que alberga máis de 450 pezas de España, Portugal, Occitanía (terzo sur de Francia) e Magreb, así como unha importante colección de gaitas do mundo. É un dos maiores expoñentes a nivel nacional e internacional no Romancero Ibérico e na Música Sefardí.
Para Laureano Alonso, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, este concerto completa unha intensa programación centrada neste ano no lema “Diálogos” que ao longo deste mes de setembro nos ten achegado á historia, ao patrimonio, á música ligada ao legado sefardí na cidade de Tui. Resta como epílogo á programación o ciclo retrospectivo que o Festival Internacional de Documentais – Play Doc dedica a Manfred Kirchheimer coa proxección, entre outras, da película We Were So Beloved - Éramos tan amados (1986) sobre a temática dos xudeus instalados en Estados Unidos ao fuxir da persecución nazi.
Diálogos coa música: Concerto "Secretos de Sefarad" con Paco Díez
- Domingo 19, ás 19.30 h, na Igrexa de San Domingos
- Entrada libre ata completar aforo.


