Dende a Asociación Vontade estamos a desenvolver en colaboración co Club Sen Amarras, xornadas de navegación polo río Miño a través de actividades inclusivas contribuíndo á difusión da nosa contorna natural do Baixo Miño.
Estas xornadas realízanse co apoio da Deputación Provincial dentro do proxecto “Rio Miño Marca Inclusiva”. Nelas introdúcese o concepto de turismo accesible e ofrece os recursos necesarios nos destinos para facilitar a igualdade de oportunidades de tódalas persoas, poñendo en valor un recurso natural e medioambiental, o Río Miño, a un colectivo que de forma habitual non pode acceder a este medio.
Asi mesmo participa O Concello de Tomiño, a través do proxecto “Navegando pola historia do Baixo Miño”, no que amosa o sistema de fortificacións e a historia da Guerra de Restauração que deron lugar ás mesmas, dando a coñecer o patrimonio histórico da contorna.
Ao longo destes meses de verán, diversos grupos e entidades participan e coñecen as características naturais e ambientais da nosa comarca para gozar dos espazos cunha visión diferente, navegando polo tramo internacional do Miño.
Estas actividades enmárcanse na necesidade de facer accesible e promocionar a comarca para colectivos de persoas con diversidade funcional, cumprindo cos obxectivos de accesibilidade universal.


